Novas 2017

21/09/17

REGATA CLASIFICATORIA OPTIMIST "CONSERVAS ORBE" - RCN RODEIRA, 16 e 17 de setembro 2017

O equipo de optimist do Club Náutico Castrelo de Miño desprazouse ata Cangas para disputar a primeira regata clasificatoria da tempada 2017/2018, cun total de cinco regatistas, un en grupo ouro e catro en prata.

O fin de semana presentábase asollado e cun vento que por momentos superaba os 12 nós na xornada do sábado, o que ante as prediccións para o domingo, que apuntaban á falta total de presión para poder disputar manga algunha, fixo que o comité apurase as catro probas permitidas polas instrucións de regata.

Na xornada do domingo houbo que aprazar o izado de delta ata chegado o mediodía, momento no que entablou unha lixeira brisa que permitiu completar as dúas mangas que faltaban para cumprir coas programadas pola organización, un total de seis.

A regatista mellor situada do Clube foi Antía Álvarez Dacoba que terminou a regata nun meritorio e loitado 6º posto, logo de facer un primeiro na cuarta manga do sábado e un fóra de liña na terceira que lle impediu acabar algún posto por encima na xeral.

Roque Álvarez Fernández tras sufrir unha rotura no sistema da percha xa na primeira manga durante o procedemento de saída e tras facer unha reparación do mesmo, puido regatear nas tres mangas restantes do sábado e nas dúas do domingo marcando unha segunda posición na primeira manga do domingo, valéndolle para terminar nun 14º posto do grupo prata.

Ignacio Blanco Mayorgas e Mírian Caíña García seguen mellorando en cada regata e se colacan xa na na metade do grupo prata, concretamente nun posto 33º e nun 35º.

Pablo Martínez Méndez segue pelexando por ascender postos no grupo ouro da flota galega nas que son as súas dúas últimas regatas en clase optimist. Ao non poder saír ao auga na xornada do domingo o seu resultado final viuse moi lastrado, aínda así acabou no posto 59º que poderá loitar por mellorar na próxima cita.

Un gran comezo de tempada para o noso equipo de vela no que deixan claro que co seu esforzo e traballo en cada adestramento poden ir mellorando e seguir soñando con ascender ao grupo ouro onde se atopan os mellores regatistas galegos.

A próxima cita coa competición será xa no mes de decembro en augas da bahía da Coruña baixo a organización do RCN da Coruña. Polo momento toca seguir adestrando para afrontar dita proba nas mellores condicións posibles.

 

07/09/17

XX CONCENTRACIÓN DE ESCOLAS DE VELA - COPA DEPUTACIÓN OURENSE

Os pasados días 1, 2 e 3 de setembro, o Club Náutico Castrelo de Miño acolleu a xa tradicional cita estival onde regatistas de diferentes clubs galegos conviven e mostran as súas habilidades no mundo da regata.

Este ano contamos coa presenza de tres clubs, RCN Sanxenxo, CM Canido e CN Riveira para un total de 38 optimistas.
Na xornada do venres puidéronse disputar as dúas mangas programadas cunha intensidade de vento óptima para que os mozos deportistas puidesen demostrar as súas habilidades.

Xa o sábado ante a ausencia de vento o comité viuse obrigado a aprazar e posteriormente a suspender as probas programadas para o día, gozando os regatistas e adestradores de diferentes actividades en Castrelo e alrededores como unha visita á zona do balneario de Arnoia.
Para a mañá do domingo a predicción non daba moitas esperanzas de face a poder lanzar algunha das dúas mangas previstas e finalmente cumpriuse, deixando as augas do embalse como un auténtico espello ata entrada a tarde.

Os nosos deportistas competiron a un bo nivel, sendo o máis destacado o terceiro posto de Pablo Martínez na xeral de Copa Deputación. O primeiro posto foi para o regatista do CN Riveira Jorge Álvarez Mera e o segundo para Carlos García Montenegro do CM Canido.
En escola a palma levoulla Ana Rodríguez Tábara en categoría individual e colectiva para a escola do CN Riveira.

Esta primeira regata é o punto perfecto para toma de contacto de face ás próximas citas que o equipo de vela do CN Castrelo de Miño ten coa competición. Xa sen moito marxe a próxima regata celebrarase en Ríaa de Vigo o fin de semana do 16 e 17 de setembro, organizada polo RCN Rodeira sendo puntuable para o ránking galego da clase optimist. Desde o Club queremos agradecer aos tres Náuticos participantes por facer desta regata unha convivencia perfecta entre rapaces, adestradores e pais que comparten unha mesma paixón, a vela.

RESULTADOS [363 KB]

 

26/07/17

A COPA DEPUTACIÓN DE VELA REUNIU EN CASTRELO DE MIÑO A MÁIS DE 30 WINDSURFISTAS NA SÚA 1ª XORNADA

- A proba organizada polo Club Náutico Castrelo de Miño disputouse a pasada fin de semana para 6 categorías.
- Fran Robleda do Limens Wind and Sup foi o vencedor absoluto.
- En infantís impúxose Elena Fernández do club Catro Ventos e en xuvenís Rita Caride do CN de Cangas que ademais se proclamaba vencedora absoluta feminina.
- En Open a vitoria foi para o regatista local do Náutico de Castrelo Hugo Rodríguez.
- Paralelamente fixéronse probas preparatorias para mozas de escola.


As táboas de windsurf volveron encher de colorido o embalse de Castrelo de Miño un ano máis coa disputa dunha regata clasificatoria do circuíto galego e Copa Deputación de Ourense de Vela. Tanto o sábado como o domingo realizáronse mangas nun percorrido de barlovento-sotavento para todas as categorías excepto para Fórmula Windsurf. Na categoría de Raceboard houbo unha bonita pugna entre o veterano Fran Robleda e o mozo Tomás Vieito que finalmente se levou Fran Robleda ao ser máis regular. En Open a vitoria foi para o local Hugo Rodríguez, mentres que os inscritos en Fórmula quedáronse sen poder facer mangas por unha escasa marxe de tempo xa que o domingo, ao pouco de alcanzar a hora límite para dar saídas, o vento comezaba a soprar de norte con boa intensidade o que ofrecería un gran espectáculo.

As categorías Techno infantil e xuvenil foron dominadas polas mozas. En infantís Elena Fernández do Catro Ventos foi a mellor por diante dos regatistas do CN de Cangas Pablo González e Pedro Cordeiro mentres que en xuvenís se impoñía Rita Caride do CN Cangas por diante do moañes do Limens W&S Lucas Maceiras e de Roberta Carnero do Catro Ventos. Rita Caride tamén se levou o premio á mellor regatista absoluta feminina.

Tamén se realizaron probas de iniciación á competición para alumnos de escola nas que destacaron Pedro Piñeiro do Playa de Oza, Eletvino Blanco do CN Castrelo de Miño e Diego Lorenzo do Limens W&S.

A competición continúa a vindeira fin de semana na que dous dos regatistas do C.N. Castrelo de Miño participarán na Copa de España de Formula Windsurf que terá lugar en Ares, trátase do experimentado Simón Fernández e do aínda xuvenil Nicolás Blanco que tratarán de colarse entre os mellores do panorama nacional.

 

11/07/17

OS REMEIROS DO CLUBE NÁUTICO CASTRELO CONSEGUEN CHEGAR ÁS FINAIS DO CAMPEONATO DE ESPAÑA

A cita nacional disputouse a pasada fin de semana no lago de Banyoles coa participación de 68 clubes.Tanto Camilo Martínez en skiff cadete como Hugo Gil e Martín Veiga en doble scull infantil conseguiron o oitavo posto. Ambas tripulacións foron segundas na final B na que se dirimían as posicións do 7º ao 12º lugar, conseguindo mellorar os seus rexistros persoais.

Camilo Martínez estivo a piques de clasificarse para a Final A nunha axustada semifinal que non puido superar por tan só 91 centésimas. A que a priori parecía unha semifinal asequible resultou ser a máis rápida e disputada, relegando a Camilo á final B na que sería segundo e situandose así 8º da xeral.

Pola súa banda o dobre infantil chegaba con moitísimo cansazo acumulado ás semifinais do sábado pola tarde tras superar a repesca e os cuartos de final esa mesma mañá con madrugón incluído. O domingo pola mañá xa recuperados remaban na final B e cunha marca de 3:42 entraban en segundo lugar a tan só 1 segundo do primeiro.

A participación do noso club completábase co dobre scull cadete no que Tomás Villalba e Rubén Rodríguez remaron as eliminatorias e a repesca pero non puideron pasar a cuartos de final por un posto de diferenza.

Gran actuación dos mozos remeiros do club coa que pechan unha gran tempada. Parabens!

Podense consultar os resultados completos e máis imaxes en www.federemo.org

 

03/07/17

O EQUIPO DE REMO LOGROU UN OURO E UN BRONCE NO CAMPEONATO GALEGO DE REMO DISPUTADO O DOMINGO

Camilo Martínez proclamouse campeón galego en skiff cadete mentres que Hugo Gil e Martín Veiga conseguian entrar en terceiro lugar do 2x infantil colgándose así a medalla de bronce. Camilo dominou a súa regata distanciándose nos último 500 metros e aventaxando en 11 segundos ao 2º clasificado do CM Noia e en 12 ao 3º de San Felipe. Hugo e Martín remaron nunha final moi dura na que o doble do CM de Noia non daba opcións realizando un gran rexistro que os posiciona como candidatos ao título nacional, en segundo lugar situabase outra embarcación de gran nivel, a do club de Remo Cedeira á que trataron de seguir os nosos remeiros pero tiveron que dar por boa a terceira plaza.

Grandes resultados nun deporte moi duro e con moita competencia!

Tamén participaron Victor Villamarin en 1x infantil conseguindo un destacado 5º lugar e Rubén Rodríguez e Tomás Villalba en 2x cadete que quedaron en 4º lugar. Finalmente os cadetes remaron en 4x quedándose a un paso do podium nunha regata que finalizaron en cuarta posición.

Noraboa a todos polo traballo realizado! A próxima semana remarán no Campeonato de España na localidade catalana de Banyoles. Moito Ánimo!

RESULTADOS COMPLETOS [331 KB]

 

30/01/17

¡Camilo Martínez finalizou nun magnífico sexto posto no Campionato de España de Fondo disputado onte en Castrelo de Miño!

Camilo non defraudou e na proba de longa distancia disputada onte a mañá conseguiu mellorar a actuación do día anterior no remoergómetro. Investiu 24 min. e 44 seg. en percorrer os 5.500 m. da proba conseguindo finalizar así nun estupendo sexto lugar deste Campionato de España de Fondo 2017. Unha gran actuación que culmina un fin de semana moi intenso co que se pecha a tempada invernal.

Os seus compañeiros de equipo tivérono máis complicado finalizando en posicións máis discretas. Asi Rubén Rodríguez e Tomás Villalba que se estreaban na categoría cadete finalizaban na clasificación do 2x no posto 24 cun tempo de 25 min. e 35 seg. mentres que no skiff xuvenil Lucas Hermida era trixésimo sétimo con 27 min. e 17 seg. Todos eles fixeron un gran esforzo por facelo o mellor posible na proba disputada na casa. Parabéns e a seguir!!!

Resultados completos Remoergómetro [1.465 KB]

Resultados completos Fondo-Trial [212 KB]

 

23/01/17

O REMEIRO DO CLUB NÁUTICO DE CASTRELO CAMILO MARTÍNEZ PROCLÁMASE CAMPIÓN GALEGO CADETE DE REMO INDOOR

- Camilo Martínez conseguiu o título galego na difícil categoría cadete cun tempo de 5:05.6 en 1.500 m. na proba disputada o domingo en Ferrol.
- O Club Náutico de Castrelo acudiu á cita con 8 remeiros desde infantís ata xuvenís.
- Hugo Gil foi noveno en categoría infantil cun tempo de 3:40 en 1.000 m.
- O vindeiro sábado Camilo afrontará o nacional da especialidade que se disputará en Ribadavia e o domingo o Campionato de España de Fondo en Castrelo de Miño.

O equipo de remo do Club Náutico Castrelo de Miño conseguiu a primeira medalla da tempada grazas á gran actuación do cadete Camilo Martínez que demostrou o seu bo estado de forma coa vitoria no galego de remoergómetro, o que supón a primeira medalla de ouro nesta esixente especialidade para as categorías de base do club. A proba disputouse no Pabellón da Malata de Ferrol e supón a antesala do Campionato de España da especialidade que se disputará o vindeiro sábado en Ribadavia. O equipo do club de Castrelo participará tamén no Campionato de España de Fondo que se celebrará ao día seguinte, o domingo 29, nas augas do embalse de O Ribeiro.

En Ferrol Camilo marcou un tempo de 5:05.6 nos 1.500 m. sacándolle máis de 2 segundos ao segundo clasificado. Os seus compañeiros de equipo tamén realizaron un gran esforzo alcanzando boas posicións como os infantís Hugo Gil que terminou noveno con 3:40.0, Martín Veiga decimosexto e Víctor Villamarín trixésimo.

En categoría cadete tamén competiu Rubén Rodríguez que cun tempo de 5:51 quedaba en metade da táboa. O outro cadete Tomás Villalba non puido competir tras sufrir unha indisposición por problemas estomacais. En xuvenís Lucas Hermida realizou un tempo de 7:39 sobre 2.000 m. e Pablo Osorio viuse obrigado a abandonar a competición ao sufrir un tirón muscular na metade da proba.

O equipo de remo afrontará o próximo fin de semán dúas probas nacionais que se disputarán en casa. O sábado 28 Camilo Martínez competirá no Campionato de España de Remo Indoor que terá lugar no pabellón municipal de Ribadavia, sendo o único representante do club nesta especialidade. Pero o domingo 29 no Campionato de España de Fondo Camilo estará acompañado polos cadetes de primeiro ano Rubén Rodríguez e Tomás Villalba. Camilo remará en skiff (1x) mentres que Rubén e Tomás farano en dobre scull (2x) estreándose nesta modalidade e categoría.

Tamén participarán nesta proba de longa distancia os xuvenís Lucas Hermida e Pablo Osorio na embarcación individual do skiff. Todos eles terán que percorrer unha distancia de 5,5 Km. polas augas do embalse de Castrelo para chegar á meta situada xunto ao Club Náutico, sendo Camilo Martínez o que conta con máis opcións dun bo resultado.

 

19/01/17

O CLUB NÁUTICO DE CASTRELO PECHOU O 2016 CON PRETO DE 1.000 ALUMNOS EN DIFERENTES ACTIVIDADES FORMATIVAS

-
Máis de 800 alumnos dunha vintena de entidades realizaron actividades dirixidas de iniciación aos deportes náuticos, os chamados “Bautismos Náuticos”.
- Impartíronse 15 cursos de iniciación ou perfeccionamiento dunha semana de duración nos que participaron 85 alumnos.
- Un total de 51 persoas obtiveron a Licenza de Navegación para o manexo de embarcacións de recreo.
- No área de competición o seu equipo de remo conseguiu 3 medallas de prata nos Campionatos Galegos e participaron nos Campionatos de España.
- Ademais o Club Náutico prestou servizo a máis de 5.000 usuarios entre afeccionados e deportistas.
- A memoria de actividades será presentada aos socios na Asemblea Ordinaria que se celebrará neste primeiro trimestre do ano.


O Club Náutico Castrelo de Miño pechou o ano 2016 con cifras record de alumnos e usuarios o que pon de manifesto o volume de actividade desenvolvida. Case un milleiro de alumnos participaron en diferentes actividades formativas entre os meses de abril e outubro sobre todo. A actividade con máis participantes son os “Bautismos Náuticos”, xornadas de iniciación nas que grupos de numerosas entidades como colexios, asociacións, empresas... teñen un primeiro contacto cos deportes náuticos baixo as instrucións dos técnicos do club. Esta actividade permite que nun só día os alumnos iníciense en vela lixeira, windsurf, paddle surf, piragüismo e outras actividades recreativas. Foron 803 en concreto as persoas que gozaron desta actividade.

Nun nivel de ensino máis avanzado desenvolvéronse 15 cursos de inciación e perfeccionamiento para un total de 85 alumnos de idades comprendidas entre os 5 e os 65 anos, e cunha duración de 20 h. repartidas en cinco días. A escola de vela do club recibirá próximamente a homologación da Federación Galega de Vela segundo o novo reglamento e é que xa era escola homologada da Real Federación Española de Vela pola antiga normativa.

No apartado da navegación de recreo realizáronse, en colaboración coa Academia Estelas, catro cursos para a obtención da Licenza de Navegación, da que saíron un total de 51 novos titulados.

Os equipos de vela e remo formados por máis de 30 mozas e mozos deportistas traballaron durente todo o ano para participar en numerosas competicións. En vela participouse nun total de 11 probas mentres que en remo foron 10 as competicións afrontadas.

O equipo de vela con 21 licenzas de competición e 33 de escola, compite nas modalidades de Optimist e Windsurf. Conseguíronse 2 medallas de ouro, 2 de prata e 1 de bronce en diferentes regatas de nivel autonómico.

O equipo de remo formado por 12 deportistas foi o que mellores resultados conseguiu. Sete dos 12 conseguiron medalla de prata nos Campionatos Galegos e oito participaron no Campionato de España conseguindo un 9º e 12º posto en 1x alevin e 4x infantil.

Pero ademais da actividade formativa, os usuarios que se beneficiaron da oferta de servizos para a práctica de deportes náuticos foron máis de 5.000, entre particulares que acoden no verán a practicar pola súa conta e deportistas dos equipos de remo e piragüismo que acoden a adestrar ao embalse.

Outra das actividades a destacar é a organización da Copa Diputación de Vela, con dúas xornadas de competición. A primeira, correspondente á modalidade de windsurf disputouse no mes de Xullo e a segunda na modalidade de Optimist en setembro. Nestas probas participaron un total de 60 regatistas de todas as categorías.

Ademais da actividade organizada directamente polo club tamén colaborou no desenvolvemento de todas as competicións realizadas pola Federación Galega de Remo en Castrelo de Miño durante 2016.

O número de socios do club é de 190 e o cadro de persoal do club está composto por tres técnicos que traballan durante todo o ano xunto con dous máis que reforzan a estrutura na época estival ademais do Director Técnico da entidade. En febreiro ou Marzo realizarase a Asemblea Ordinaria de socios na que se exporá a memoria completa de actividades 2016 e aprobaránse as contas de 2016 así como o orzamento para 2017.

 

06/09/16

A ESCOLA DO MARITIMO CARRUMEIRO IMPÚXOSE NA XIX CONCENTRACIÓN DE ESCOLAS DE VELA

- A vitoria individual foi para Miriam García do Club Náutico Castrelo xa que se impuxo en 3 da 5 mangas disputadas.
- Na proba de Copa Diputación venceu Jorge Troncoso do CM de Canido por diante dos locais Pablo Martínez e Mario Gómez.
- Por Escolas o triunfo foi para o CM Carrumeiro de Corcubión por diante de Castrelo, Sanxenxo e Canido.


A pasada fin de semán o vento non defraudou e o encoro de Castrelo de Miño foi unha acuarela coa disputa da Copa Diputación de Vela e a XIX Concentración de Escolas de Vela. As velas dos Optimist sobre as augas de Castrelo debuxaron unha preciosa estampa cos mozos regatistas de Canido, Sanxenxo, Corcubión, Finisterre e Castrelo de Miño pelexando por demostrar as súas habilidades como navegantes.

Na xornada do venres disputábase unha manga con vento suave que servia de toma de contacto aos noveles regatistas, pero sería na tarde do sábado cando se decidirían os postos da clasificación final xa que se disputaron 4 mangas nunhas excelentes condicións, con vento do Oeste que roldaba os 10 nós.

Gran alegría para os vencedores, sobre todo para a regatista do Club Náutico Castrelo Miriam García que se alzaba coa vitoria individual da XIX Concentración e tamén por que xunto cos seus compañeiros David Rodríguez e Manuel Villalba conseguían o 2º posto por equipos ao sumar o 5º e 6º posto alcanzado por eles. A vitoria por equipos foi para o CM Carrumeiro de Corcubión xa que situaba a tres dos seus regatistas (Iago López, Ruben de Ramón e Iria Sargatal) no 2º, 3º e 4º posto. O equipo da Escola do RCN Sanxenxo completou o podium co 3º lugar e o CM Canido era cuarto ao puntuar soamente con 1 regatista.

Precisamente sería un regatista de Canido o que se facía coa vitoria na proba de Copa Diputación, Jorge Troncoso, que vencía en 3 das 5 mangas non dando opción aos de Castrelo de Miño que foron os seus máis duros rivais. Pablo Martínez foi segundo e o seu compañeiro Mario Gómez terceiro.

CLASIFICACIÓNS COMPLETAS [365 KB]

 

19/07/16

UNHA SOLA MANGA DECIDIU A REGATA CLASIFICATORIA DE WINDSURF-COPA DEPUTACIÓN DE OURENSE DE VELA

- Tomás Vieito en Raceboard, Paz Álvarez en Open e Juan Alfaro en Escola foron os vencedores de esta edición.
- Non se puideron disputar probas da categoría Formula pola insuficiente intensidade do vento.

Disputouse os días 16 e 17, xornadas de intensa calor e escaso vento que tan só permitiu disputar unha manga a última hora do sábado excepto para a categoría de Fórmula xa que o vento non era suficiente. A regatista do noso clube Paz Álvarez levabase o ouro na categoría Open sendo a única participante femenina de categoría absoluta. A plata foi para Hugo Rodríguez tamén do Náutico de Castrelo. En Raceboard a victoria foi para o internacional Tomás Vieito do clube Limens Wind & Sup por diante de Aitor Blanco do Vértigo Sailing e Jose Mª Otero do Ferrolvento. O mellor do Náutico de Castrelo nesta categoría foi Daniel Conde con un destacado 5º posto.

Na categoría de Escola que contou coa participación de 15 xóvenes promesas do Limens Wind & Sup a victoria foi para Juan Alfaro por diante das suas compañeiras Verónica Brun e Alba Ogando.

Resultado Completos [343 KB]

 

18/07/16

DUAS TRIPULACIÓNS DO NÁUTICO DE CASTRELO CHEGARON ÁS FINAIS DO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE REMO

O equipo de remo participou no Campionato de España disputado en Sevilla do 7 ao 10 de Xullo conseguindo chegar ás Finais B o 1x alevín de Victor Villamarín e o 4x Infantil masculino. O máis novo do equipo Victor Villamarín foi 3º nesa final B o que supón o 9º posto na xeral e o 4x Infantil formado por Martin Veiga, Rubén Rodríguez, Tomas Villalba e Hugo Gil foi 6º, quedando así de 12º na xeral.

Os cadetes quedáronse ás portas de clasificarse para as finais. O 2x de Joel Fernández e Camilo Martínez finalizou 3º na sua repesca a tan só 30 centesimas do segundo posto que daba o pase a semifinais e garantía polo menos remar na final B. Ao seu compañeiro Lucas Hermida que participaba en skiff tocáballe nunha das repesca mais rápidas e malia facer mellor tempo que noutras tamén se quedaba fóra de poder acceder ás seguintes mangas.

Gran traballo do equipo de remo que finaliza así a tempada con tres medallas de prata no Campeonato Galego. !Parabéns!

Resultados das finais [73 KB]

 

04/07/16

Gran xornada para o equipo de remo que conseguiu 3 medallas de prata no Campeonato Galego de Remo

Os medallistas foron:
Victor Villamarin en 1x alevin
Martin Veiga, Rubén Rodríguez, Tomas Villalba e Hugo Gil en 4x infantil
Joel Fernández e Camilo Martinez en 2x cadete

Ademáis Lucas Hermida foi noveno en 1x cadete e o 4x cadete formado por Julio Fernández, Pablo Osorio, Camilo Martínez e Lucas Hermida terminou en cuarto lugar.

E non nos esquecemos do xuvenil Pedro Martinez que o sábado 18 de xuño quedou en sexto lugar no 1x masculino.

Noraboa a todos!

Resultados completos [34 KB]

 

24/05/16

O EQUIPO DE REMO PARTICIPOU NA REGATA INTERNACIONAL LITOCAR

O pasado fin de semana o equipo de remo desprazouse á localidade lusa de Montemor O Velho para participar na 11ª Regata Internacional Litocar.

Un total de 10 remeiros do club competiron sobre 500 m. e en diferentes modalidades conseguindo o resultado máis destacado a tripulación de 4x Infantil composta por Hugo Gil, Tomás Villalba, Rubén Rodríguez e Martín Veiga que finalizou en 4ª posición cun tempo de 1:46.02 a pouco mais de 1 segundo do podium. Victor Villamarín tamén se quedou preto do podium na proba de skiff alevín sendo finalmente 6º con 2:31.87.

En categoría cadete os mellor clasificados foron Lucas Hermida e Camilo Martinez en 2x cun 17º lugar mentres que Julio Fernández e Pablo Osorio quedaban no posto 31º. Os catro remaron tamén en 4x alcanzando o 18º lugar.

Para rematar hai que destacar a participación de Pedro Martínez en skiff, que sendo xuvenil de primeiro ano tivo que remar na categoría absoluta quedando nun meritorio 28º lugar cun tempo de 9:47.98 na proba de 2.000 m.

As tripulacións xa empezan a afinar o seu estado de forma de cara aos próximos campionatos galegos que se disputarán en Castrelo de Miño dentro dun mes.

Resultados completos e fotos en: https://ginasioremo.wordpress.com/…/11a-regata-internacion…/

 

17/05/16

III REGATA ACEITES ABRIL - RCN DE VIGO

O Club Náutico Castrelo de Miño competiu na regata clasificatoria de Vigo cunha flota de catro optimistas.

Vivíronse dúas xornadas ben diferentes, sábado con choiva a primeira hora de mañá a cal remitiría antes xa de izarse delta e un vento moi frouxo que non superou os 7 nós e o domingo cun planchazo de vento o que obrigou á organización a atrasar a saída ao auga e tras pasada máis dunha hora de flotación esperando a que aumentase a presión e a piques de chegar á hora límite levantouse un virazón que marcaba uns 16 nós constantes.

Na xornada do sábado puidéronse disputar dúas mangas nas que o mellor clasificado foi Roque Álvarez que tras unha boa navegación conseguiu colocarse no medio da flota do grupo azul. O domingo puidéronse facer outras dúas mangas na que Nico Mayorgas conseguiu un posto 15 na primeira delas e na segunda non tomou saída por un envorco segundos antes do bocinazo de saída.

Vaise achegando o final da tempada e os nosos navegantes vanse adaptando ás condicións de navegación en mar. Agora toca seguir adestrando duramente e mellorar nas seguintes probas.

 

05/04/16

CURSO PARA A OBTENCIÓN DA "LICENZA DE NAVEGACIÓN"

O Clube Náutico Castrelo de Miño organiza un curso para a obtención da "Licenza de Navegación" que terá lugar o sábado 23 de Abril nas instalacións do club a partir das 10:00 h. O Curso será impartido pola academia ESTELAS e consta de 2 h. de teoria e 4 h. de práctica.

NON SE FAI EXAME

A Licenza de Navegación ten as seguintes atribuciones:

- Goberno de embarcacións de motor e vela de ata 6 m. de eslora
- Goberno de motos de auga de categoría C
- Potencia adecuada á embarcación segundo limite establecido polo fabricante
- Navegación diurna
- Permite afastarse ata 2 millas en calquera dirección desde un porto ou lugar de abrigo.

O prezo é de 150 € e para os socios do clube 125 €.

Máis información e inscripcións en:
988493114 - 676484150 e info@clubnauticocastrelo.es

 

08/03/16

COMUNICADO OFICIAL DO CLUBE NÁUTICO CASTRELO DE MIÑO

O pasado sábado día 5 de marzo, neste Clube Náutico recibiuse un comunicado da alcaldía, con nº de saída 232, ordenando o desaloxo, no prazo dun mes, da Nave para embarcacións do club a fin de ser destinada a outros intereses locais, con entrega das chaves no Concello. De non cumprir este requerimiento, continúa o comunicado, a alcaldía resérvase o exercicio das accións legais que correspondan.

A nave para embarcacións foi construída en 2003 expresamente para ser destinada ao fin que se lle está dando actualmente, é dicir para desenvolver o labor que ten encomendada o CNCM desde a fundación en outubro de 1990. Durante o período transcorrido, a nave veu cumprindo o seu fin de dar almacenamento a embarcacións do Club destinadas á práctica do remo e a vela, prestando un servizo ao socio e ao cidadán de Castrelo de Miño, en xeral, do que agora se verían privados.

Ante este feito, a Xunta Directiva do CNCM tomou a decisión de dar publicidade a devandito escrito e pedir respetuosamente ao alcalde unha explicación sobre que intereses locais vanse a beneficiar deste desafiuzamento que sexan de maior interese público que o mantemento da actividade deportiva náutica no noso Clube. Tamén queremos expresar a nosa sorpresa ante un escrito tan duro sen estar precedido dun aviso ou unha negociación previa, na que se aportasen razóns e posibles alternativas.

Ata agora, o labor do CNCM foi propiciada e amparada polo Concello desde a súa creación, apoio que se traduciu na subvención que a corporación municipal sempre concedeu a este club, aínda que co actual goberno municipal dita subvención foi diminuíndo dos tradicionais 12.000 € aos 4.000 € sinalados para o ano pasado.

Entendemos inxusta e inxustificada esta incautación, por moi en precario que o alcalde considere a prestación desta nave ao club, "precariedade" que xa dura 12 anos, co que xa non parece tan precaria. Recorda esta decisión municipal a prácticas pouco democráticas doutras épocas, como o foi a expropiación forzosa das nosas mellores terras para, satisfacendo intereses privados, construír unha central hidroeléctrica.

Solicitamos respetuosamente do alcalde a retirada de devandito requerimiento. Pola contra, esta Xunta Directiva verase obrigada a solicitar todos os posibles apoios públicos e privados, así como as accións legais pertinentes, para deixar sen efecto tal resolución.

A XUNTA DIRECTIVA

 

10/02/16

CAMPIONATO GALEGO DE OPTIMIST, TROFEO "MANUEL NORES"

- Os pasados días 6, 7 e 8 de febreiro celebrouse en augas de Ría de Pontevedra o campionato galego da clase Optimist organizado polo Real Club de Mar Aguete.

A priori os días de competición presentábanse baixo a influencia dunha profunda borrasca, predicción que se cumpriu tanto en intensidade do vento, como en altura da ola. Os nosos regatistas acudiron á cita moi motivados, xa que a anterior cita coa competición celebrouse en Coruña en outubro e eran moitas as ganas de volver medir as súas habilidades co resto de flota galega.

Tanto sábado como luns non se izou Delta pola intensidade de vento, estable duns 19 nós e rachas con picos que excedían por momentos os trinta nós. Na xornada do domingo había marcadas tres mangas, pero ao non poder botarse á mar o día anterior a intención era de chegar ás catro para os dous grupos. Un estado da mar complicado e un vento algo rolón e intenso dificultou en demasía a navegación aos mozos regatistas, quedando en dúas mangas realizadas aos regastistas noveles do grupo prata, tres aos prata e catro aos ouro.

Os nosos 6 regatistas, dos cales tan só un tiña experiencia en campionatos anteriores, víronse excedidos polo estado da mar. A intensidade do vento era navegable para eles, pero era para os catro noveles a terceira vez que navegaban en mar o que foi unha situación complicada á que dúas deles souberon sobrepoñerse e completar as súas mangas e os outros dous terminaron navegando pero sen poder realizar manga algunha. É o seu primeiro ano, os seus primeiras tres regatas en mar, a súa cuarta regata desde que empezaron a navegar e o noso obxectivo é ir gañando en experiencia de face a afrontar o próximo campionato 2016/2017 con posibilidades de estar entre, polo menos, os mellores regatistas do grupo prata.

Pablo Martínez Méndez, sobrepúxose á situación inicial na que estaba desorientado, sobre todo polas condicións da mar e terminou as tres mangas conseguindo un posto 19, que non está nada mal, pero que sabe a moi pouco tendo en conta que o noso obxectivo para esta regata era conseguir xa o ascenso ao grupo ouro da flota. Nicolás Branco Mayorgas terminou nun discreto posto 47, o seu irmán Ignacio Branco nun 67. Roque Álvarez, Antía Álvarez e Enar Cibreiro non tomaron parte en ningunha manga dada a dureza das condicións. A próxima cita será a Copa Galicia, que terá lugar en Coruña os días 27 e 28 deste mes e nos que o noso equipo estará seguro por encima das expectativas.

CLASIFICACIÓN

GALERÍA DE FOTOS

 

02/02/16

O CADETE JOEL FERNÁNDEZ MELLORA A SÚA MARCA E FINALIZA DECIMOTERCEIRO NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE REMO INDOOR

- Joel Fernández rebaixo a súa marca máis de 3 segundos nos 1.500 m. ao realizar un rexistro de 5:02.0 que lle valería o 13º posto da categoría no Campionato de España de remo indoor.
- O seu compañeiro Camilo Martínez tamén mellorou un par de décimas o seu rexistro marcando un tempo de 5:16.3 co que foi 34º na clasificación.
- Pola súa banda o xuvenil Pedro Martínez realizaba un rexistro de 7:11.7 nos 2.000 m. conseguindo o posto 66.
- O domingo participaron no Campionato de España de Fondo, remando os cadetes no dous sen timonel e o xuvenil en skiff, conseguindo finalizar en 17º e 54º posición respectivamente.


O pasado fin de semana disputáronse en Sevilla os Campionatos de España das modalidades de remo indoor e fondo nos que participaron tres remeiros do Náutico de Castrelo. A proba de remo indoor, disputada o sábado, foi na que Joel Fernández e Camilo Martínez renderon a mellor nivel permitindolles rebaixar as súas marcas persoais e alcanzar unhas meritorias posicións. Pola súa banda Pedro Martínez quedábase preto do seu mellor rexistro pero lonxe dos postos de cabeza polo que se tivo que conformar co posto 66.

O domingo disputouse a proba de fondo en augas do Guadalquivir sobre un percorrido de 6.000 m. pero os xovenes remeiros do noso club acusaron o esforzo do sábado. Os cadetes ademais tiveron que competir nunha modalidade nova para eles xa que nesta tempada a Federación Española decidiu substituír o 2x (dobre scull) polo 2- (dous sen timonel) para este campionato de fondo. Asi e malia remar ben non puideron situarse entre os mellores e finalizaron en 17º lugar. Pedro Martínez no skiff xuvenil terminou na posición 54.

CLASICIACIÓN CTO. DE ESPAÑA DE REMO INDOOR [51 KB]

 

26/01/16

O EQUIPO DE REMO ABRIU A TEMPADA 2016 PARTICIPANDO NO GALEGO DE REMO INDOOR

- O pasado domingo disputouse en Ferrol a primeira proba de remo da tempada, o campionato galego de remo indoor.
- O Náutico de Castrelo acudiu á cita con 10 remeiros desde alevines ata xuvenís.
- Os mellores foron o cadete Joel Fernández cun sexto posto e o alevín Victor Villamarín que foi sétimo.
- Na proba de relevos o equipo infantil foi sétimo tamén.
- A participación foi altisima superando o medio millar de deportistas de toda a comunidade.


O equipo de remo do Náutico de Castrelo acudiu ao completo á primeira cita da tempada podendo alcanzar bos resultados. O mellor foi Joel Fernández que en categoría cadete finalizou en 6º lugar cun tempo de 5:05.7 nos 1.500 m. O seu compañeiro Camilo Martínez era 17º con 5:16.5, mentres que Julio Fernández terminaba no posto 84º.

En categoría alevín Victor Villamarín estivo preto das medallas pero finalmente foi 7º con 2:09.5 en 500 m. En infantís participaron catro representantes do club, sendo o mellor situado Tomás Villalba ao quedar en 21º posición mentres que Rubén Rodríguez era 28º, Hugo Gil 34º e Martín Veiga 41º. Os catro formarán unha tripulación de 4x (catro scull) a partir de agora para preparar os campionatos Galego e de España.

O último en competir de forma individual foi o xuvenil Pedro Martínez, que conseguía finalizar de 22º cun tempo de 7:09.6 na esixente proba de 2.000 m. Tras finalizar as probas individuais realizáronse as competicións de relevos por equipos na que os infantís conseguían terminar nunha meritoria sétima posición e os cadetes decimoterceiros.

Pedro Martínez acudirá a próximo fin de semán a Sevilla para competir no campionato de España de Remo Indoor e de Fondo xunto cos cadetes Joel Fernández e Camilo Martínez. A proba de remoergómetro será o sábado mentres que o domingo será a de fondo xa en augas do Guadalquivir sobre un percorrido de 6.000 m. que Pedro realizará en 1x (skiff) e os cadetes en 2- (dous sen timonel).

CLASIFICACIÓN INDIVIDUAL [101 KB]

CLASIFICACIÓN POR EQUIPOS [368 KB]

 

15/10/15

O WINDSURFISTA DO NÁUTICO DE CASTRELO NACHO IGLESIAS CONSEGUE O 1º POSTO XUVENIL, 2º JUNIOR E 18º ABSOLUTO NO NACIONAL DE FORMULA WINDSURF

- Marcos Fernández do Náutico de Punta Lagoa de Vigo conseguiu a medalla de bronce.
- Participaron 8 regatistas galegos, dos cales 3 foron do Club Náutico Castrelo de Miño.
- Completaron a participación do Náutico de Castrelo Simón Fernández en 24º lugar e Daniel Conde 30º.


O pasado fin de semana disputouse en augas do mar menor, na localidade de Los Alcázares, o Campionato de España de Fórmula Windsurfing, enmarcado dentro das actividades do Surfari 2015, evento que congregou a máis dun centenar de participantes nacionais e estranxeiros nas distintas categorías.

A Federación Galega de Vela presentou neste Campionato de España un dos equipos autonómicos máis numerosos, desprazando á competición a 8 deportistas dos clubs de C.N. Punta Lagoa (Vigo), C.N. Castrelo de Miño (Ourense) e C.V. Praia de Oza (A Coruña)

O campionato desenvolveuse nunhas condicións de vento frouxo, o cal motivou que das 12 probas programadas só se puideran finalizar 4, trala anulación de varias probas debido á caída do vento por baixo do mínimo establecido reglamentariamente, nos 3 días de competición.

Marcos Fernández do C.N. Punta Lagoa obtivo o mellor resultado dos regatistas galegos conseguindo o 3º posto absoluto e segundo na categoría senior. Os dous primeiros xuvenís do campionato foron os galegos Ignacio Iglesias e Guillermo Pan, do C.N. Castrelo de Miño e C.V. Praia de Oza respectivamente.

O resto de integrantes do equipo galego obtiveron os seguintes postos:

Jaime Piñeiro, Praia de Oza 12º
Aitor Branco, Punta Lagoa 15º
Simón Fernández, Castrelo de Miño 24º
Daniel Conde, Castrelo de Miño 30º

Alfredo Rodríguez do C.N. Punta Lagoa non logrou finalizar tras sufrir unha avería no seu equipo que non puido reparar.

CLASIFICACIÓNS [87 KB]

 

14/10/15

OS REGATISTAS DO C.N. CASTRELO DE MIÑO SALVAN OS MOBLES NO TROFEO COMODORO ORGANIZADO POLO R.C.N. DE LA CORUÑA

-A ausencia de vento na única manga disputada marcou o resultado final da regata.
-Pablo Martínez remata unha discreta 23ª posición.

- A segunda regata da tempada da clase optimist disputouse os pasados días 3 e 4 de Outubro no marco da baia da Coruña baixo a grímpola do R.C.N de La Coruña.

A previsión de vento para o fin de semana presaxiaba unha regata complicada e con poucas mangas, e a fin o parte meteorolóxico non errou, so se puido disputar unha manga na xornada do sábado das 3 previstas e con moi pouco vento, o que propiciou unha regata lenta e moi influída polos pesos dos patróns. O domingo dada a alerta laranxa de vento con refachos superiores a 26 nos, obrigou o comité de regatas a anular todas as probas previstas para ese día antes de que os navegantes puidesen saír a auga.

Nestas condicións os nosos regatistas víronse moi condicionados na manga disputada o sábado e caeron en algunha calma de vento que os relegou a prazas discretas da clasificación, cousa que afectou a moitos dos regatistas que pelexaban polo ascenso o grupo ouro desta categoría.

Na 23ª praza do grupo prata rematou Pablo Martínez, pese a esta discreta posición, mantén a 66ª praza do ranking o que o sitúa na 4ª praza das 5 que dan o ascenso o grupo ouro cando se complete unha manga mais.

O seguinte na clasificación foi Roque Álvarez que rematou na 42ª posición, seguido de Antía Álvarez na 48, Nicolás Blanco na 51, e Enar Cibreiro na 61, e cerrando a clasificación Nacho Blanco que o igual que outros 4 regatistas mais non foi quen de cruzar a liña de meta no tempo estipulado por unha baixada na intensidade do vento que xa non volveu a remontar en toda a tarde do sábado.

Esta foi unha regata de condicións extremas, o sábado moi pouco vento e o domingo demasiado, pese a todo o novel equipo do C.N. Castrelo de Miño fixo un bo papel, pois todos ascenderon algún posto no ranking galego desta categoría e gañaron experiencia de cara as vindeiras regatas clasificatorias que xa se disputarán o próximo ano, polo que lles quedan uns meses de intensos adestramentos para afrontar con garantías os novos retos.



 

15/09/15

PABLO MARTINEZ REMATA NA 8 POSICIÓN DO GRUPO PLATA NA REGATA REY JUAN CARLOS I - EL CORTE INGLÉS MÁSTER 2015

-Pablo Martínez remata 8º na Regata Rey Juan Carlos I - El Corte Inglés Máster 2015 celebrado no Real Club Náutico de Sanxenxo.
-Roque Álvarez, Nicolás Blanco, Antía Álvarez e Nacho Blanco participaron por primeira vez neste nivel de competición cun resultado mais que meritorio.

Comezou a tempada 2015-2016 da clase Optimist coa disputa da primeira regata clasificatoria para o ranking galego desta modalidade. O bocinazo de saída deuse coa REGATA REY JUAN CARLOS I - EL CORTE INGLÉS MÁSTER 2015, disputada nas augas da ría de Pontevedra baixo a grímpola do R.C.N. de Sanxenxo os días 12 e 13 de setembro.

Ata alí desprazouse unha delegación de 5 regatistas do C.N. Castrelo de Miño para enfrontarse a flota galega. Cabe sinalar que dos 5 integrantes do equipo só un, Pablo Martínez, tiña experiencia previa en competición oficial, para os seus compañeiros foi o debut tanto nesta competición como na navegación en mar.

Este feito viuse reflexado na auga, onde Pablo Martínez acadou a 8ª praza do grupo prata, situando en varios momentos da competición no 3º lugar, posto que non conseguiu manter debido a unha mala decisión estratéxica na saída da 5ª proba e por unha envorcada na ultima proba. Este posto sérvelle a Pablo para colocarse na 68ª posición do ranking galego de optimist da temporada en curso e poder intentar acadar o ascenso a categoría ouro na próxima regata.

Os seus compañeiros de equipo, como e lóxico sendo a súa primeira competición destas características, comezaron a proba cós nervios iniciais pero con unha rápida adaptación ao entorno e ao número de participantes. Antía Álvarez e os irmáns Nicolás e Nacho Blanco levan pouco mais de 2 meses navegando, e mes e medio neste tipo de barcos, pois iniciáronse no mundo da navegación a vela este mesmo verán, o que lles da mais méritos se cabe. Roque Álvarez rematou na posición 45, Nicolás Blanco na 49, Antía Álvarez na 58 e Nacho Blanco na 65.

A próxima regata terá lugar no marco da bahía da Coruña os días 3 e 4 de Outubro, onde os nosos regatistas continuaran mellorando e aprendendo, e os seus adestradores están seguros de que farán un bo papel dando o mellor deles. A tempada acaba de comezar e o marxe de mellora dos nosos regatistas mozos é máis que prometedor.

Dende o clube estamos a planificar unha tempada coa clara intención de que os rapaces medren tanto como regatistas como en valores de compañeirismo e respeto a un medio que día a día vai sacando o mellor de cada un de nós.

Vémonos navegando as augas de Castrelo.

 

24/08/15

A ESCOLA DE VELA DO NÁUTICO DE CASTRELO CONSEGUE A VITORIA POR SEGUNDO ANO CONSECUTIVO NA CONCENTRACIÓN DE ESCOLAS DE VELA DE GALICIA

- O pasado fin de semana disputouse a XVIII edición da Concentración de Escolas de Vela de Galicia e a Regata Copa Deputación de Ourense nas augas de Castrelo de Miño, na que participaron nenos e nenas con embarcacións de clase Optimist.
- A vitoria por equipos foi para o Náutico de Castrelo que se impuxo ao CM de Canido e ao RCN de Sanxenxo.
- En individual tamén se impuxo o Náutico de Castrelo con Nicolás Blanco no máis alto do podium, o segundo caixón foi para Mateo Peña de Canido e o terceiro posto para Antía Álvarez tamén de Castrelo.
- Na Regata Copa Diputación o CM de Canido copou o podium con Paloma Pedrosa, Flavio Mata e Liang Jane no 1º, 2º e 3º posto respectivamente, deixando en 4º lugar a Adrián González do CN Castrelo de Miño.


A Concentración de Escolas de Vela de Galicia disputada este fin de semana en Castrelo de Miño cumpriu a maioría de idade coa edición número dezaoito e non puido ter mellor agasallo xa que a escola do club organizador levouse a vitoria cun primeiro e un terceiro posto na clasificación individual a cargo de Nicolas Blanco e Antía Álvarez, que xunto con outros 6 compañeiros fixeron que o trofeo por equipos quedásese na casa por segundo ano consecutivo. A escola do CM de Canido, finalmente segunda, non llo puxo nada fácil destacando o 2º posto de Mateo Peña e o terceiro lugar era para o RCN de Sanxenxo con Mario Doval como mellor clasificado individual no 4º posto.

Na regata Copa Deputación os xa experimentados regatistas do CM de Canido mantiveron baixo control aos de Castrelo ocupando os tres primeiros postos por diante de Adrián González que se tería que conformar coa 4ª posición a tan só 1 punto da terceira Liang Jane. Segundo foi Flavio Mata e primeira Paloma Pedrosa.

A borrasca que atravesou Galicia durante o fin de semana permitiu que se puidesen d¡sputar máis mangas das previstas con ventos do oeste desde a tarde do venres ata a mañá do domingo cun total de 9 mangas para a Regata Copa Diputación de Ourense e 7 para os regatistas de escola, brindando así unha gran ocasión aos noveles regatistas para aprender e engancharse a este deporte que cada vez conta con máis practicantes en Galicia.

O tenente-alcalde de Castrelo de Miño, Alfredo Rodríguez, e a presidenta do Clube Náutico, Beatriz Alberte, foron os encargados de entregar os premios aos vencedores nun acto celebrado no salón de actos do albergue municipal tras finalizar as dúas últimas mangas disputadas na mañá do domingo. En setembro iníciase a tempada 2015/2016 do circuíto galego de Optimist sendo a primeira regata en Sanxenxo na que participarán xa os mellor clasificados desta concentración.

CLASIFICACIÓN FINAL INDIVIDUAL ESCOLA [140 KB]
CLASIFICACIÓN FINAL INDIVIDUAL COPA DEPUTACIÓN OURENSE [136 KB]

 

11/08/15

OS MELLORES WINDSURFISTAS DE GALICIA DISPUTARON EN CASTRELO DE MIÑO A REGATA COPA DEPUTACIÓN DE OURENSE

- Mais de trinta windsurfistas competiron na regata Copa Deputación de Ourense de windsurf puntuable para o circuíto galego.
- Juan Vieito do Náutico Punta Lagoa impuxose con claridade na modalidade de Fórmula mentres que en Raceboard a vitoria era para Jose Mª Otero do Ferrolvento.
- En xuvenís a vitoria foi para Javier Plaza do C.V. Praia de Oza e en Infantís para Rita Caride do Náutico de Cangas que ademais foi a vencedora absoluta en féminas.
- O Náutico de Castrelo tamén se levou unha vitoria grazas á actuación de Serxio Fernández na modalidade de Open.
- Por primeira vez acudiron regatistas doutras comunidades e ata de Portugal, vivindose un gran ambiente durante a fin de seman.


Un ano máis o Náutico Castrelo organizou unha das regatas clasificatorias do circuíto galego de windsurf, a Copa Deputación de Ourense, que nesta edición contou coa presenza do regatistas de fóra de Galicia co que o nivel foi moi alto. Os ventos do nordés permitiron ver un bonito espéctaculo na xornada do sábado xa que as táboas de fórmula alcanzaban unhas velocidades de vértigo con impresionantes longos en augas do encoro ourensán.

Os windsurfistas galegos dominaron as probas cun Juan Vieito intratable en Fórmula ao que só puido arrebatarlle unha vitoria nunha das tres mangas disputadas o veterán Fran Robleda grazas a unha caida inesperada de Vieito o realizar unha virada. Así Robleda do Limens W&S era segundo na clasificación xeral grazas a esa vitoria parcial xa que empataba a puntos con Aitor Blanco do Nautico Punta Lagoa, tendo que conformarse Blanco co terceiro posto. En cuarto lugar situouse o portugués Marco Gil seguido de cerca por Simón Fernández e Nacho Iglesias (5º e 6º), que foron os mellor situados do Náutico de Castrelo nesta modalidade de Fórmula Windsurf

Na modalidade de Raceboard disputáronse 4 mangas o que permitía facer un descarte do peor resultado parcial, tras o cal Jose Mª Otero de Ferrolvento sacaba un punto de vantaxe a Francisco Pan, quedando primeiro e segundo respectivamente, por diante do xuvenil Javi Plaza que subiría ao terceiro caixón do podium ademais de levarse a vitoria xuvenil.

En féminas a infantil Rita Caride foi a protagonista xa que se impuxo en tamén en categoría absoluta ao superar a Olga Pedre. Na modalidade Open a vitoria foi para o local Serxio Fernández.

Paralelamente disputáronse probas para unha decena de xóvenes de varias de escolas dos clubs participantes para introducilos na competición entre os que destacaron David Rodríguez do club Windsurf Zona Norte, Marta Plaza do C.V. Praia de Oza e Juan de Dios do Windsurf Zona Norte.

CLASIFICACIÓNS [342 KB]

 

COPA DEPUTACIÓN DE WINDSURF 2015

24/07/15

O ADESTRADOR AUSTRALIANO ANDREW RANDELL VISITA OS XÓVENES REMEIROS DO NÁUTICO DE CASTRELO

- Andrew Randell atópase en Castrelo de Miño dirixindo á tripulación do 8 con timonel feminino na súa preparación para o próximo Campionato do Mundo de Remo.
- A dirección do club aproveitou a estancia da selección australiana para organizar este encontro cos novos remeiros do club.
- Randell explicou o sistema de adestramento da selección australiana e respondeu ás preguntas dos rapaces.
- Os mozos deportistas do club recibiron con gran entusiasmo e expectación ao prestixioso adestrador que charlou distendidamente con eles grazas á colaboración como tradutores de dous socios do club.


O Club Náutico Castrelo de Miño quixo aproveitar a oportunidade de ter en Castrelo a unha das mellores seleccións de remo do mundo organizando esta charla con Andrew Randell que é o coordinador nacional do programa de selección de talentos deportivos da Federación Australiana. Actualmente Randell adestra a tripulación do 8 con timonel senior feminino que quedou en 6º lugar na última regata de Copa do Mundo e atópanse en Castrelo de Miño concentradas preparandose para o Campionato do Mundo que terá lugar a primeira semana de setembro en Francia.

Ao encontro acudiron os membros do equipo de remo desde categoría alevín ata xuvenil xunto co seu adestrador e director do club Gabriel Fernández, que contaron coa colaboración dos socios do club Santiago Limia e Tania Jarecka como tradutores. Randell explicou como está organizado o remo en Australia desde categoría benxamín ata senior e como realizan a selección dos xóvenes talentos, continuando polo sistema de adestramento e competición para cada idade. Tamén fixo fincapé nos sistemas universitarios que becan aos xóvenes remeiros tanto en Australia como en Estados Unidos, de feito moitos dos membros da selección estudan e adestran nas universidades americanas e logo compiten con Australia.

Destacou o labor dos clubs que traballan a nivel técnico cun criterio moi claro o que permite que os xovenes remeiros que chegan ao equipo nacional fágano cunhas boas condicións de técnica, o que lles permite a eles centrarse no desenvolvemento da condición física. Unha das custions que máis chamou a atención dos remeiros do club foi o gran volume de adestramento e o control do mesmo xa que todos os barcos da selección australiana levan GPS e os deportistas pulsómetro co que en todo momento saben o rendemento e o nivel desenvolvido polos atletas. Actualmente en Castrelo están realizando ciclos de 6 días de adestramento alternando 3 sesións un dia e dúas sesións o seguinte cun descanso activo o sétimo día.

Trala exposición de Randell abriuse a quenda de preguntas na que os rapaces fixeron cuestións acerca de distancias de competición en categorías inferiores, métodos de adestramento, lesións, ritmo de paladas en competición, os botes máis técnicos...Tamén preguntaron si coñecía o sitema de adestramento levado a cabo pola selección española ao que lles respondeu que non e para rematar sobre a rivalidade con Nova Zelanda que lideran o ránking mundial de remo na actualidade. Con respecto a isto o técnico australiano dixo que os sistemas de adestramento de Australia e Nova Zelanda non eran moi diferentes e que a diferenza radicaba en que Nova Zelanda concentra a todo o equipo nacional a partir de categoría junior nun único centro de alto rendemento e traballan cos deportistas durante todo o ano alí, non permitindo formar parte do equipo nacional a ningún remeiro que non este alí concentrado, mentres que en Australia teñen a remeiros que estudan fóra e no verán son convocados polo equipo nacional para competir.

O encontro finalizou cunhas fotos de grupo e desde o club queremos agradecer profundamente a Andrew Randell por acceder amablemente a visitar o club e charlar cos deportistas desvelandolle os "segredos do éxito" de Australia neste marabilloso deporte do remo.

 

Fotos encontro Andrew Randell

17/07/15

O EQUIPO DE REMO DO NÁUTICO DE CASTRELO CONSEGUIU O 7º POSTO EN 2X ALEVÍN E O 9º EN 1X INFANTIL NO CAMPIONATO DE ESPAÑA

- Seis deportistas do club participaron no Campionato de España de Remo alevín, infantil e cadete disputado na localidade de Banyoles.
- O mellor resultado foi para o dobre scull alevín de Hugo Gil e Martín Veiga que se impuxeron na Final B logrando así un meritorio 7º posto.
- En categoría infantil Camilo Martínez tamén se clasificou para disputar a final B do skiff na que finalizou 3º, o que supuxo o 9º posto na xeral.
- En categoría cadete participaron Pedro Martínez e Joel Fernández que non puideron superar rolda de cuartos de final mentres que o seu compañeiro Lucas Hermida quedouse fóra na repesca do skiff.

O equipo de remo do Náutico de Castrelo pechou a tempada cunha notable participación no Campionato de España disputado fai uns días en Banyoles. Esta era a cita máis importante do calendario nacional e asi foi en canto á numerosa participación e o nivel das probas con grandes rexistros en todas as modalidades, resultando moi difícil acceder á final A. Aínda así os alevins Hugo Gil e Martín Veiga a punto estiveron de conseguilo quedandose fora por tan só unhas décimas de segundo tras unha gran progresión na regata de 500 m. Na final B tras unha saída regular volveron remontar ata conseguir a vitoria nos últimos metros que lle daría unha merecida 7ª posición na xeral.

No skiff infantil Camilo Martínez enfrontábase a outros 38 remeiros que demostraron un gran nivel e non puxeron as cousas nada fáciles a Camilo que viña de proclamarse campión galego. Nas semifinais Camilo non puido mellorar os seus rexistros quedando fóra da final A á que accederon os 3 primeiros de cada semifinal e pasando así a disputar a final B na que obtiña un 3º posto que supoñía o 9º na xeral, un gran resultado xa que foi capaz de superar a nada menos que 30 rivais.

Os cadetes tivérono máis difícil e a pesar do esforzo realizado durante toda a tempada non puideron alcanzar as finais. O dobre scull de Pedro Martínez e Joel Fernández chegaba ata os cuartos de final nos que conseguían mellorar o seu rexistro persoal pero non foi suficiente para pasar a semifinais. O seu compañeiro Lucas Hermida no seu primeiro ano de cadete tíñao moi difícil e quedou fora na repesca do skiff, unha modalidade moi forte na que estivo entre os mellores de primeiro ano.

Como premio ao esforzo realizado durante toda a tempada o club está organizando para a próxima semana unha "clase maxistral" para os novos remeiros co adestrador australiano Andrew Randell, que se atopa actualmente en Castrelo de Miño, dirixindo ao 8 con timonel feminino da selección autraliana, na concentración preparatoria para o Campionato do Mundo que están levando a cabo.